Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Dereitos e liberdades

Espazo centrado na análise e denuncia das prácticas vulneradoras de dereitos e liberdades
Sobre o blog  

Médicos con fronteiras. Sombras en investigación de malos tratos

A xunta directiva do colexio de médicos de A Coruña ven de notificar ao noso observatorio o acordo de data 6 de marzo de 2012 polo que procede ao arquivo da queixa ligazón externa a esculca.netligazón externa a esculca.net formulada por EsCULcA referente a asistencia médica prestada a dona P.T.B o dia 23.11.2011 polo facultativo sr. P.L.

A queixa denunciaba que  o día 23 de novembro de 2011,  e debido a ter sido obxecto dunha detención policial realizada con violencia no episodio de desaloxamento da Sala Iago de Santiago de Compostela, P.T.B. solicitara  na comisaría ser atendida por un facultativo pois sentía dores no corpo e nomeadamente no xeonllo dereito. Segundo consta no texto da queixa, xa no ambulatorio P.T.B.  é examinada polo facultativo do centro, J.P.L. , que observa en todo momento unha conduta por completo inadecuada: examina a paciente diante dos axentes da policía, diríxese a ela con expresións incorrectas e mostra escasa capacitación profesional. Extremo este último confirmado no diagnóstico emitido polo facultativo que examinou a paciente o día seguinte e a derivou ao Servizo de Urxencias, onde se detectaron inflamación no xeonllo e hematomas en diferentes partes do corpo.

Pois ben, se á vista destes datos o arquivo daligazón externa a esculca.netligazón externa a esculca.netqueixa ligazón externa a esculca.netligazón externa a esculca.netproduce estupor, os argumentos e criterios do órgano corporativo encargado de velar -precisamente- polo cumprimento do código deontolóxico médico para xustificar ese arquivo, xeran indignación e fonda preocupación.

En primeiro lugar, a corporación médica toma como única fonte probatoria para acordar o arquivo “a contundencia , claridade e termos inequívocos” do informe elaboradopolos axentes que escoltaban a paciente. Como non se nos deu traslado deste informe, ignora o noso observatorio  o seu contido, mais debemos lembrar que os axentes que “escoltaron” a paciente forman parte da mesma forza pública que ela denuncia como suxeitos activos da agresión padecida e pola que recibía asistencia médica. É dicir , o testemuño fundamental para arquivar a queixa procede, paradoxalmente, da mesma entidade que P.T.B. denuncia como agresora.

En segundo lugar, a corporación profesional sinala que os axentes policiais aseguran que o comportamento do facultativo foi correcto, confirmando así directamente o fundamento dun dos principais motivos da queixa : que non se respectou á confidencialidade da consulta porque estiveron presentes terceiros alleos a relación médico-paciente, neste caso, os policías. Só hai duas posibilidades: os policías non estaban presentes en consulta (e nese caso o seu testemuño non ten validez) ou estaban presentes (e nese caso infrixiuse o dereito de confidencialiade e coartouse a posibilidade de a paciente describir ao médico a presumíbel orixe da súas dores).

Mais non acaban aí as dúbidas que o proceder do Colexio de Médicos suscita. Hai mais preguntas. Por exemplo, como tivo acceso a corporación profesional aos policias actuantes dado que iso supón que , dalgún xeito , debeu coñecer dilixencias policiais cuxo coñecemento lle debería estar vedado? Se o colexio médico foi tan dilixente en coñecer e identificar os policias actuantes, por qué non se tivo a mesma dilixencia para arrecadar o testemuño da paciente dado que as obrigas do facultativo e da corporación que debe vixiar o cumprimento do código deontolóxico son frente a paciente prima facie? Será que o testemuño da paciente non tiña o mesmo interese para o colexio médico? E, sendo así, por qué lle merece  tan disimil valoración un e outro tesmemuño?

Por outra parte, como observatorio de dereitos e liberdades. debemos engadir que o proceder do colexio médico de Compostela revela un pobre coñecemento de mecanismos internacionais de prevención da tortura como o Protocolo de Estambul  e  unha escasa preocupación polo cabal cumprimento do artigo 262 da Lei Procesual Penal en relación á obriga de denunciar delitos públicos dos que coñeza o facultativo en razón do seu cargo pois é obvio que mal se podía detectar a orixe das lesións da paciente en presenza da forza policial.

E canto á legalidade da emisión e entrega dun informe policial nun ámbito competencial alleo ao conferido pola lei de corpos e forzas de seguridade do Estado, debemos afirmar que o noso observatorio alberga serias dúbidas e asume o compromiso de esgotar as vias legais para averiguar a procedencia e coñecer o contido dese informe.

En conclusión , a propia resolución do colexio médico constata que non foi garantido o dereito a confidencialidade en consulta médica e levanta  dúbidas sobre o material probatorio empregado no expediente. Mostra tamén que a posición da corporación médica está infelizmente mais próxima da forma de actuar dos órganos policiais do que do comportamento que a sociedade espera dun órgano profesional en que confia contribua  a garantir as obrigas éticas de prevención dos malos tratos.

Ver aqui noticia anterior.

Ver aqui a notificación de arquivo do expediente.

Ver aqui o texto da queixa de EsCULcA.